luns, 20 de maio de 2013

Informe sobre a terceira reunión coa empresa


A empresa segue sen modificar a Proposta do 66 % e ampárase na lei de protección de datos para restrinxir a información ao comité, que pediu máis documentación para avaliar a medida que se propón.

A comisión negociadora do comité sinalou que no convenio en vigor xa se contemplaba a posibilidade de que houbese perdas durante o 2013, polo que considera que as causas que argumenta a empresa para planear este novo recorte xa foron negociadas.

O comité sospeita que o proceso de recortes que se ven de iniciar decidiuse por parte da empresa xa en marzo do 2012 coa intención de aproveitar a reforma laboral que entrara en vigor un mes antes.

Os negociadores do comité tamén puxeron de manifesto na mesa as súas dúbidas sobre os datos facilitados respecto ao que La Voz de Galicia paga a outras empresas do Grupo, pagamentos que poderían ter provocado unha situación económica peor da que realmente existe.

O asesor externo da empresa volveu a reiterar durante a reunión de hoxe que a Proposta do 66 % é unha medida temporal e que podería estar suxeita, se as circunstancias económicas mudan, a unha revisión con novos recortes. O comité considera que a empresa non está dando garantía ningunha respecto ao mantemento do emprego, mentras segue en suspenso a mediación no AGA. 

O comité segue sen recibir a información que solicitou sobre as retribucións dos membros da alta dirección e do Consello de Administración de La Voz de Galicia S.A. e da súa matriz (Corporación Voz de Galicia). Tampouco recibiu ningunha explicación nin detalle sobre a partida que anualmente paga La Voz de Galicia á sociedade cabeceira do Grupo en concepto de servizos profesionais prestados polos directivos de Corporación Voz de Galicia.

Unha das maiores sorpresas da reunión de hoxe foi a constatación da situación laboral do director do xornal, que non ten dedicación exclusiva a La Voz de Galicia, xa que traballa en réxime de pluriempleo. 

Para que a proposta da empresa sexa críble, a comisión negociadora do comité pediulle que fixeran «o camiño contrario»: que se aplicara a alta dirección as rebaixas que plantexan a plantilla como paso previo a calquera proposta no mesmo sentido para os traballadores. As partes quedaron convocadas a unha reunión pasadomañá mércores.    

Por outra banda, o comité quere agradecer a colaboración dos compañeiros no reparto reivindicativo de onte na Coruña contra a Proposta do 66%.


Sabón 20 de maio do 2013

Ningún comentario:

Publicar un comentario