martes, 21 de maio de 2013

Ano V de tesoira (análise da situación)


1. De onde vimos…
Desde o inicio da crise os traballadores de La Voz de Galicia temos contribuído a mitigar o impacto que poideran ter os costes laborais  na situación económica da empresa. O 12 de xaneiro do 2009 firmamos un compromiso persoal co proxecto editorial do presidente e editor do periódico. O 21 de outubro do 2009 aceptamos nunha conxelación salarial, medida que se acompañaba dun compromiso de estabilidade no emprego durante o período 2009-2012 aínda que a empresa entrase en perdas. O 23 do febreiro do 2010, a dirección xa reclamaba a súa revisión en base a unhas perspectivas nefastas. Iniciáronse os contactos entre a empresa e a representación legal dos traballadores en sucesivas reunións que terminaron o 29 de decembro de 2011 cunha sustancial modificación do convenio colectivo, o que supuxo variacións das condicións de traballo no novo convenio (2012-2014), entre elas a ampliación da conxelación do 3 % que finalizaba o 1 de xaneiro do 2012 e a rebaixa da paga dos domingos, ademáis dos despedimentos que se asumiron.

Da comparación dos gastos de persoal en La Voz de Galicia entre o ano 2008 e o ano 2012 (e eliminando os gastos derivados das indemnizacións percibidas polos traballadores despedidos neste período) resulta que La Voz de Galicia S.A. aforrou en salarios 9.228.503 € (-34,5%).

A variación do IPC sobre a situación real a decembro de 2008 até marzo de 2013 é de 8,5 puntos, aos que habería que sumar o 3% do concepto salarial negativo pactado no acordo do 2009 e o recorte en variables (como o prezo por domingo traballado) fai que a perda do poder adquisitivo dos traballadores sexa superior ao 11,5% e que en algúns casos poida chegar incluso a máis do 30% (segundo a parte do seu salario que depéndese de variables).

2. Onde estamos…
Catro anos despois, e con 187 persoas menos (a destrucción de emprego na empresa superou o 34% desde o 2008), La Voz de Galicia obtivo no 2012 máis de medio millón de euros en beneficios despois de impostos. Así o recollen as contas oficiais da empresa e así o recoñeceu a dirección. Na mesa de negociación, onde tentan debuxar un panorama dramático, atribúeno ao ingreso extraordinario do rescate da inversión de La Voz na sociedade que xestiona a división audiovisual. Pero na letra pequena recoñecen que se debe, sobre todo, aos esforzos da plantilla. Segundo se recolle no informe de xestión que acompaña as contas, descontando o rescate da inversión audiovisual e tamén as indemnizacións por despidos de compañeiros, que sumaron 3,8 millóns de euros no exercicio, La Voz tería rexistrado unhas perdas de menos de 300.000 euros. Non parece moito, se se ten en conta que o ano anterior foran -2,5 millóns. Se o comité defende que a mellor proposta para garantir a viabilidade da compañía é o convenio colectivo en vigor, é porque este está funcionando como instrumento de aforro. A partida destinada a salarios da plantilla, descontadas indemnizacións e Seguridade Social, xa baixou este ano a 13,5 millóns desde os 15,8 millóns do 2011. E o 2013 será o primeiro ano no que se poderá comprobar o axuste que supón non pagar as nóminas dos traballadores despedidos nin asumir novas indemnizacións amparadas na disposición adicional primeira do convenio.

Por outra banda, as contas do 2012 tamén mostran que, lonxe da fráxil situación financieira que a dirección da empresa quere transmitir aos traballadores, La Voz é unha empresa forte e ben dotada. No quinto ano consecutivo de crisis global e sectorial, a cifra de negocio da súa actividade editorial caeu menos do 6 %, mentres crecían tanto o seu patrimonio neto (38 millóns de euros fronte a 37,5 no 2011) coma o seu fondo de manobra (ata 12,2 millóns), e se reducían as súas débedas (24 millóns fronte a 25,4 no 2011). O total das reservas da sociedade, aínda que caeron un 7 %, suman 32 millóns de euros. A mellor proba desa realidade é que La Voz é o sostén de todo o entramado mercantil que a rodea: o ano pasado pagou ao resto de compañías do grupo, algunhas das cales rexistraron beneficios, máis de 19,3 millóns de euros, prácticamente o mesmo que no 2011 (19,5 millóns).

Curiosamente, é desas compañías, e non de La Voz, de onde cobran a maioría dos directivos e conselleiros do grupo, que teñen incrementado as súas retribucións este ano un 9 % (de 1,5 a 1,64 millóns). Pero, admitámolo, algúns deles tamén se rebaixan o soldo. Segundo a única información que a dirección da empresa proporcionou ao comité, hai dous salarios de membros do Consello de Administración e do persoal de alta dirección de La Voz que cobran agora menos que no 2011. O primeiro perdeu 1.347 euros (pasou de 147.231 no ano 2011 a 145.884 no 2012) e o segundo, 888 euros (pasou de 86.102 a 85.214).

3. Cara onde pensamos que debemos ir…
No período de consultas para a inaplicación das condicións de traballo previstas no convenio colectivo que a empresa iniciou o 8 de maio, a representación legal dos traballadores segue a reclamar datos básicos para valorar a proporcionalidade dos recortes propostos. Os traballadores temos subliñado que La Voz de Galicia S.A. funciona como sostén de todo o grupo empresarial e que só a incompetencia dalgúns directivos, que xa se puxo de manifesto en pasadas decisións, para manter a posición competitiva de La Voz de Galicia pode poñer o futuro en perigo.    


Sabón a 21 de maio do 2013

Ningún comentario:

Publicar un comentario