Hoxe terminou, sen acordo, o período de consultas que marca a lei para o proceso de inaplicación do convenio colectivo iniciado pola empresa o pasado 8 de maio. As partes quedaron convocadas, de mútuo acordo, para someter as discrepancias sobre a necesidade de novos recortes salariais á comisión paritaria do convenio. A primeira das reunións da paritaria celebrarase o próximo xoves 30 de maio, as 16 horas.
O Comité Intercentros reiterou que non se dan as circunstancias que xustifiquen a inaplicación pretendida pola empresa. Ademáis, a reiterada revisión e incumprimento de pasados acordos acadados coa dirección fixo ver que calquera avance que poida derivar nun pacto terá que pasar porque previamente se asuma pola empresa o compromiso de mantemento do emprego dos mesmos traballadores que prestan a día de hoxe servizos en La Voz de Galicia, con garantías inequívocas, directas e sen ambigüidades, limitando dito compromiso no tempo ata a entrada en vigor dun novo convenio colectivo.
Para explicar exactamente o estado da situación e o camiño que agora se abre, o Comité convoca a todos os traballadores a unha asemblea que terá lugar en Santiago o próximo domingo día 26, pola mañá, nun lugar aínda por determinar. Para facilitar o traslado de todos os traballadores e que todos os compañeiros que queiran poidan asistir organizarase un servizo de autobuses onde haxa demanda. Mañá informarase sobre os horarios e as rutas.
Sabón, a 23 de maio do 2013
Ningún comentario:
Publicar un comentario