1. De onde
vimos…
Desde o inicio da crise os traballadores de La
Voz de Galicia temos contribuído a mitigar o impacto que poideran ter os costes
laborais na situación económica da
empresa. O 12 de xaneiro do 2009 firmamos un compromiso persoal co proxecto
editorial do presidente e editor do periódico. O 21 de outubro do 2009 aceptamos
nunha conxelación salarial, medida que se acompañaba dun compromiso de
estabilidade no emprego durante o período 2009-2012 aínda que a empresa entrase
en perdas. O 23 do febreiro do 2010, a dirección xa reclamaba a súa revisión en
base a unhas perspectivas nefastas. Iniciáronse os contactos entre a empresa e
a representación legal dos traballadores en sucesivas reunións que terminaron o
29 de decembro de 2011 cunha sustancial modificación do convenio colectivo, o
que supuxo variacións das condicións de traballo no novo convenio (2012-2014),
entre elas a ampliación da conxelación do 3 % que finalizaba o 1 de xaneiro do
2012 e a rebaixa da paga dos domingos, ademáis dos despedimentos que se
asumiron.
Da comparación dos gastos de persoal en La Voz
de Galicia entre o ano 2008 e o ano 2012 (e eliminando os gastos derivados das
indemnizacións percibidas polos traballadores despedidos neste período) resulta
que La Voz de Galicia S.A. aforrou en salarios 9.228.503 € (-34,5%).
A variación do IPC sobre a situación real a
decembro de 2008 até marzo de 2013 é de 8,5 puntos, aos que habería que sumar o
3% do concepto salarial negativo pactado no acordo do 2009 e o recorte en
variables (como o prezo por domingo traballado) fai que a perda do poder
adquisitivo dos traballadores sexa superior ao 11,5% e que en algúns casos
poida chegar incluso a máis do 30% (segundo a parte do seu salario que
depéndese de variables).
2. Onde estamos…
Catro anos despois, e con 187 persoas menos (a destrucción de emprego na empresa superou o 34% desde o 2008), La Voz de Galicia obtivo no 2012 máis de medio
millón de euros en beneficios despois de impostos. Así o recollen as contas
oficiais da empresa e así o recoñeceu a dirección. Na mesa de negociación, onde
tentan debuxar un panorama dramático, atribúeno ao ingreso extraordinario do
rescate da inversión de La Voz na sociedade que xestiona a división
audiovisual. Pero na letra pequena recoñecen que se debe, sobre todo, aos
esforzos da plantilla. Segundo se recolle no informe de xestión que acompaña as
contas, descontando o rescate da inversión audiovisual e tamén as
indemnizacións por despidos de compañeiros, que sumaron 3,8 millóns de euros no
exercicio, La Voz tería rexistrado unhas perdas de menos de 300.000 euros. Non
parece moito, se se ten en conta que o ano anterior foran -2,5 millóns. Se o comité
defende que a mellor proposta para garantir a viabilidade da compañía é o
convenio colectivo en vigor, é porque este está funcionando como instrumento de
aforro. A partida destinada a salarios da plantilla, descontadas indemnizacións
e Seguridade Social, xa baixou este ano a 13,5 millóns desde os 15,8 millóns do
2011. E o 2013 será o primeiro ano no que se poderá comprobar o axuste que
supón non pagar as nóminas dos traballadores despedidos nin asumir novas
indemnizacións amparadas na disposición adicional primeira do convenio.
Por outra banda, as contas do 2012 tamén mostran
que, lonxe da fráxil situación financieira que a dirección da empresa quere
transmitir aos traballadores, La Voz é unha empresa forte e ben dotada. No
quinto ano consecutivo de crisis global e sectorial, a cifra de negocio da súa
actividade editorial caeu menos do 6 %, mentres crecían tanto o seu patrimonio
neto (38 millóns de euros fronte a 37,5 no 2011) coma o seu fondo de manobra (ata
12,2 millóns), e se reducían as súas débedas (24 millóns fronte a 25,4 no
2011). O total das reservas da sociedade, aínda que caeron un 7 %, suman 32
millóns de euros. A mellor proba desa realidade é que La Voz é o sostén de todo
o entramado mercantil que a rodea: o ano pasado pagou ao resto de compañías do
grupo, algunhas das cales rexistraron beneficios, máis de 19,3 millóns de
euros, prácticamente o mesmo que no 2011 (19,5 millóns).
Curiosamente, é desas compañías, e non de La
Voz, de onde cobran a maioría dos directivos e conselleiros do grupo, que teñen
incrementado as súas retribucións este ano un 9 % (de 1,5 a 1,64 millóns). Pero, admitámolo, algúns deles tamén se rebaixan o
soldo. Segundo a única información que a dirección da empresa proporcionou ao
comité, hai dous salarios de membros do Consello de Administración e do persoal
de alta dirección de La Voz que cobran agora menos que no 2011. O primeiro
perdeu 1.347 euros (pasou de 147.231 no ano 2011 a 145.884 no 2012) e o
segundo, 888 euros (pasou de 86.102 a 85.214).
3. Cara
onde pensamos que debemos ir…
No período de consultas para a inaplicación das
condicións de traballo previstas no convenio colectivo que a empresa iniciou o
8 de maio, a representación legal dos traballadores segue a reclamar datos
básicos para valorar a proporcionalidade dos recortes propostos. Os
traballadores temos subliñado que La Voz de Galicia S.A. funciona como sostén
de todo o grupo empresarial e que só a incompetencia dalgúns directivos, que xa
se puxo de manifesto en pasadas decisións, para manter a posición competitiva de
La Voz de Galicia pode poñer o futuro en perigo.
Sabón a 21 de maio do 2013