domingo, 23 de xuño de 2013

Informe da asemblea do 23 de xuño na Coruña


A plantilla elixiu o camiño das mobilizacións cun calendario que inclúe a convocatoria de folga o 10 de xullo

A asemblea de traballadores de La Voz de Galicia reunida esta mañá na Coruña acordou o camiño das mobilizacións cun calendario que inclúe a convocatoria dunha folga para o día 10 de xullo. Considérase que ésta é a única vía que queda para que a empresa se decida a negociar de boa fe dunha vez por todas e abandone o camiño dos feitos consumados.

Case un centenar de compañeiras e compañeiros acudiron a convocatoria e debatiron a análise do Comité sobre o escenario ao que nos vemos abocados pola decisión da empresa de pechar (o xoves pasado) a mediación en Madrid para recurrir inmediatamente a Comisión Consultiva Nacional de Convenios Colectivos, que podería emitir unha resolución vinculante a mediados de xullo sobre a inaplicación das condicións salariais pactadas no actual convenio colectivo.

Ante a agresión aos dereitos laborais e mesmo á insistencia da empresa de non ofrecer garantías claras de mantemento de emprego que permitira un acordo sobre medidas salariais, o Comité expuxo o seu convencemento de que debe por a disposición dos traballadores todas as ferramentas legais para a súa defensa, incluíndo a convocatoria dunha folga, para facer que a dirección se sente de verdade a negociar antes de que sexa facultada para inaplicar unilateralmente o convenio en vigor.

Unha ampla maioria dos traballadores reunidos na asemblea refrendaron a proposta do Comité e mesmo suxeriron accións a emprender para seguir defendendo firmemente os postos de traballo e as condicións laborais de todos, mentres segue adiante a vía xudicial que impulsou a empresa.

O Comité informará nos próximos días das mobilizacións colectivas a emprender antes de que se produza o fallo da Comisión Consultiva coa intención de que a empresa mude a súa vontade negociadora (ate o de agora, nula) e se poidan achegar posturas.

Con esa confianza, e coa certeza de que a plantilla aposta por non entregar cartos que van a servir para pagar despedimentos, o Comité chama aos traballadoras e traballadores de La Voz de Galicia a que sigades respaldando as mobilizacións coa entereza e intelixencia coas que o tedes feito ata hoxe.

Sabón, a 23 de xuño do 2013

Ningún comentario:

Publicar un comentario