venres, 28 de xuño de 2013

Manifestación o domingo 7 de xullo na Coruña


Polo emprego e contra os retallos salariais, por un xornalismo digno

 

Os traballadores de La Voz de Galicia manifestarémonos o domingo 7 de xullo polo centro da Coruña en protesta contra a intención da dirección da empresa de precarizar as nosas condicións laborais, saíndose do convenio colectivo para rebaixar outra vez os salarios e negándose a ofrecer unha garantía de emprego inequívoca cara aos próximos anos. 

Os traballadores manifestarémonos en defensa do emprego e dos salarios, como sostén dun xornalismo digno.   

Esta é unha convocatoria aberta, para os traballadores de La Voz, familiares e extraballadores, e tamén para traballadores do resto das empresas do Grupo e mesmo doutros medios ou asociacións profesionais que xa veñen expresando o seu apoio a loita que mantemos en La Voz pola dignidade das condicións de traballo na prensa.

A marcha arrancará do Obelisco ás 12.00 horas do domingo 7 de xullo e discorrerá polas rúas Real e Riego del Agua para rematar na praza de María Pita. 
O Comité tratará de dispor medios de transporte colectivo para os compañeiros e seus familiares das delegacións máis lonxe da Coruña en función da demanda.

Sabón, a 28 de xuño do 2013

xoves, 27 de xuño de 2013

Seguimos abertos a vía do diálogo



Despois de recibir onte a negativa da empresa á solicitude do Comité Intercentros o martes de retomar as negociacións, o Comité voltou a insitir hoxe en recuperar a vía do diálogo convidando novamente a empresa a sentarnos nos próximos días coa intención de “darlle forma a algo que realmente, e de unha vez por todas, poida valer para alcanzar un acordo razoable”, segundo se apunta no comunicado remitido a empresa e a toda a plantilla.

Sabón, a 27 de xuño de 2013

mércores, 26 de xuño de 2013

Falemos da quebra nas «formas institucionales»


Nunha nota remitida a toda a plantilla tra-lo consello de administración do martes 25 de xuño, a empresa di: «El Consejo también lamentó la quiebra de las formas institucionales que siempre han caracterizado a La Voz de Galicia y, muy especialmente, que el Comité de empresa haya recibido esta mañana al Presidente con una pitada al entrar en las instalaciones». 

Máis aló da pitada aos directivos -que so pretende manifestar outra vez o profundo malestar da plantilla coas medidas unilaterais que está adoptando a empresa, e que non é senón un recurso usual nestes tempos para colectivos que se senten acurralados-, o feito de que o consello de administración de La Voz de Galicia denuncie a quebra do que denomina «formas institucionales» por parte dos traballadores ven sendo, cando menos, un xeito de deturpar a realidade. 

Hoxe xa sabemos que a primeira quebra institucional é a reforma laboral que hai dous meses que nos está a aplicar a empresa, mesmo cun artigo recorrido ante o Tribunal Constitucional. Ainda antes, o 18 de febreiro deste ano, a dirección presentou unha proposta para quitar dúas pagas extras e despedir máis barato, segundo un «plan de viabilidad» que se adoptaría ben tras un pacto co Comité ou ben por outras vías «de acuerdo con la legislación vigente». A quebra das formas ven de máis lonxe, porque durante os dezaoito meses que pasaron dende a sinatura do actual convenio colectivo (que, lembremos, supuxo graves sacrificios para a plantilla) os directivos tentaron retorcer o pacto ata deixalo en papel mollado. Non o conseguiron e por iso tiveron que botar man da reforma e dos mesmos asesores que aconsellaron o Goberno sobre como minar a protección legal dos traballadores.


Por se non tiveramos claro quen está a mudar as regras de relacións laborais «que siempre han caracterizado a La Voz de Galicia», o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ven de ratificar a sentencia do xuíz de primeira instancia que apreciou vulneración dos dereitos fundamentais dun traballador tras resultar elixido delegado sindical hai agora un ano. Di o TSXG que «aquela decisión empresarial, non xustificada, encubre en realidade unha conduta lesiva dos dereitos fundamentais do traballador e constitúe indicio dabondo da vulneración do dereito fundamental á liberdade sindical». 

Nós, a representación legal dos traballadores, co apoio da plantilla, estamos a tentar que a empresa exerza a súa responsabilidade e se aveña a unha negociación para resolver o conflito que ela mesma abriu coa inaplicación do actual convenio colectivo, quebrantando as formas institucionais que tan caras lle parecen.

Sabón, 26 de xuño do 2013

martes, 25 de xuño de 2013

O Comité solicita unha reunión coa empresa

O Comité Intercentros solicitou hoxe unha reunión a dirección da empresa para iniciar a rolda de negociacións coa intención de non agardar ao ditame da Comisión Consultiva Nacional de Convenios Colectivos e lograr un acordo no que se garanta o emprego da actual plantilla.

Os delegados dos traballadores decidiron hoxe demostrar que estamos dispostos a LOITAR polos postos de traballo realizando unha concentración de máis dunha hora fronte as instalacións de La Voz de Galicia en Sabón coincidindo cun consello de administración da empresa.

A asemblea de traballadores apoiou o pasado domingo iniciar mobilizacións, incluída a FOLGA prevista para o vindeiro 10 de xullo, deixando claro que o modelo de negocio que converteu a La Voz de Galicia no sexto xornal en difusión a nivel estatal só se mantén coa actual plantilla e cunha aposta decidida da empresa por un traballo de proximidade como o que se fai dende as delegacións. Ademais da folga, o Comité chama aos traballadores a un paro de 15 minutos para o mércores día 3, de 12 a 12.15 horas para a quenda de mañá, de 17 a 17.15 para os da tarde e de 22 a 22.15 horas para os da noite.

O Comité sigue deseñando estratexias para que a dirección se aveña a entrar nunha negociación seria que permita chegar a un acordo proporcional e razoable a situación real da empresa.

domingo, 23 de xuño de 2013

Informe da asemblea do 23 de xuño na Coruña


A plantilla elixiu o camiño das mobilizacións cun calendario que inclúe a convocatoria de folga o 10 de xullo

A asemblea de traballadores de La Voz de Galicia reunida esta mañá na Coruña acordou o camiño das mobilizacións cun calendario que inclúe a convocatoria dunha folga para o día 10 de xullo. Considérase que ésta é a única vía que queda para que a empresa se decida a negociar de boa fe dunha vez por todas e abandone o camiño dos feitos consumados.

Case un centenar de compañeiras e compañeiros acudiron a convocatoria e debatiron a análise do Comité sobre o escenario ao que nos vemos abocados pola decisión da empresa de pechar (o xoves pasado) a mediación en Madrid para recurrir inmediatamente a Comisión Consultiva Nacional de Convenios Colectivos, que podería emitir unha resolución vinculante a mediados de xullo sobre a inaplicación das condicións salariais pactadas no actual convenio colectivo.

Ante a agresión aos dereitos laborais e mesmo á insistencia da empresa de non ofrecer garantías claras de mantemento de emprego que permitira un acordo sobre medidas salariais, o Comité expuxo o seu convencemento de que debe por a disposición dos traballadores todas as ferramentas legais para a súa defensa, incluíndo a convocatoria dunha folga, para facer que a dirección se sente de verdade a negociar antes de que sexa facultada para inaplicar unilateralmente o convenio en vigor.

Unha ampla maioria dos traballadores reunidos na asemblea refrendaron a proposta do Comité e mesmo suxeriron accións a emprender para seguir defendendo firmemente os postos de traballo e as condicións laborais de todos, mentres segue adiante a vía xudicial que impulsou a empresa.

O Comité informará nos próximos días das mobilizacións colectivas a emprender antes de que se produza o fallo da Comisión Consultiva coa intención de que a empresa mude a súa vontade negociadora (ate o de agora, nula) e se poidan achegar posturas.

Con esa confianza, e coa certeza de que a plantilla aposta por non entregar cartos que van a servir para pagar despedimentos, o Comité chama aos traballadoras e traballadores de La Voz de Galicia a que sigades respaldando as mobilizacións coa entereza e intelixencia coas que o tedes feito ata hoxe.

Sabón, a 23 de xuño do 2013

venres, 21 de xuño de 2013

Acudide a asemblea do domingo 23 de xuño na Coruña


O Comité Intercentros acordou hoxe convocar a toda a plantilla a unha asemblea que se celebrará pasadomañá domingo, 23 de xuño, na Coruña. Desta volta, o escenario será o salón de actos do Edificio Sindicatos, na avenida de Alfonso Molina s/n (aquí o link a google maps-> http://goo.gl/maps/Vbe0I). A reunión será as 11.30 horas en primeira convocatoria e as 12.00, en segunda.
Dada a importancia dos asuntos a acordar, pedimos a vosa máxima colaboración e tamén que avisedes da convocatoria aos compañeiros que están de vacacións. Está en xogo a pervivencia do actual modelo de traballo e as futuras condicións laborais de todos, acudide!

Ante a situación de inmobilismo que mostrou esta semana a empresa no SIMA, pechando a mediación e anunciando que levará o procedemento ata a Comisión Consultiva Nacional de Convenios Colectivos, a representación dos traballadores considera que a plantilla debe abordar mobilizacións contra a intención da dirección de recortar os salarios (a empresa segue sen variar sustancialmente a Proposta do –66 %) e non garantir o emprego (está empeñada en ter vías para novos despedimentos). Máis aló de mostrar o rexeitamento a esas medidas, o Comité considera tamén que non se deben desbotar aínda as posibilidades de negociación, ás que sempre se mostrou aberto desde que a comezos de maio a empresa propuxo a inaplicación do actual convenio colectivo.

Sabón, a 21 de xuño do 2013

mércores, 19 de xuño de 2013

A EMPRESA APURA OS PRAZOS E REXEITA CONTINUAR NEGOCIANDO


A reunión do SIMA entre os representantes da empresa e a comisión negociadora do Intercentros rematou esta mañá, tras catro horas, sen acordo despois de que a dirección rexeite calquera avance na negociación e pretenda apurar os prazos para lograr a súa pretendida inaplicación do convenio nas datas que se marcou de antemán.

Frente a isto, a representación social dos trabajadores manifestou de novo a súa plena disposición a que se agotase o proceso de mediación aberto no SIMA nos seus períodos máximos, en virtude do exposto no artígo 12.4 do V Acordo sobre Solución Autónoma de Conflitos Laborais. 

O Comité entende que a vía adecuada para tratar de resolver as discrepancias entre as partes estaría na liña do proposto polos mediadores hoxe, que sería un arbitraxe no mesmo SIMA, que os representantes da empresa rexeitaron aducindo que iso podería levar a negociación a setembro, o que non estarían dispostos.

O Comité analizará as medidas que se tomarán ante a decisión unilateral da empresa de trasladar a decisión a Comisión Consultiva Nacional de Convenios Colectivos, sen intentar chegar a un acordo. 

Desde o Comité cuestiónase que se ben a parte empresarial mostrou verbalmente disponibilidade á negociación esta non se confirmou pola vía dos feitos. Durante todo o proceso mostrou unha nula vontade de acordo, inmobilismo nas cuestións de fondo e mala fe orientada a dar unha apariencia de negociación reducindo os mecanismos de solución de conflitos a meros trámites de obrigado cumprimento. De feito, a proposta económica presentada pola empresa é sustancialmente a mesma que a do comezo e ao respecto do mantenemento do emprego non se moveron da proposta inicial, a Proposta do -66%.

O Comité Intercentros manterá unha reunión este venres para analizar a posibilidade de convocar a plantilla a unha asemblea este domingo 23 na que se analizarán decisións a tomar ante esta nova negativa da empresa a manter os postos de traballo de toda a plantilla.

xoves, 13 de xuño de 2013

Asembleas mañá venres, o luns e o martes



Santiago Pérez e María Velázquez, en representación da empresa, presentaron un escrito ao inicio da reunión de hoxe co Comité Intercentros no que rexeitan a proposta de mantemento de emprego defendida polos representantes dos traballadores por considerala “totalmente insatisfactoria”. No seu escrito, a parte empresarial di que a proposta “no tendría ningún impacto en la cuenta de resultados de 2013 y 2014” e “apenas supondría un 12% de la necesidad de ahorro planteada por la empresa”. Así mesmo, remite o proceso de negociación á mediación no SIMA, para a cal xa está fixada a primeira reunión o mércores 19 de xuño. Os directivos da empresa negáronse as reiteradas solicitudes do Comité de aprazar a reunión para intentar avanzar na busca de acordos antes de acudir a Madrid.

A empresa rexeitou insistentemente ofrecer unha garantía clara de mantemento do emprego e só se mostrou disposta a entrar a revisar a súa proposta de inaplicación salarial, aínda que non na contía que pretende rebaixar da masa salarial: 4,3 millóns de euros.

O Comité Intercentros defendeu que a proposta presentada xa supón un importante sacrificio para a plantilla e, ademáis, representa unha aposta decidida polo mantemento do modelo negocio.

Mañá venres comezará unha rolda de asembleas para explicar os traballadores o escenario que se abre a partir de agora.

As asembleas de mañá venres serán ás en Administración de Sabón (12.00), na delegación de Carballo (16.00), na Redacción en Sabón (17.30), e na delegación da Coruña (19.00).

O luns, día 17, celebraránse asembleas en Lalín (11.00 horas), Ourense (12.30), Santiago (13.00), Monforte (16.30), Ribeira (17.00) e Lugo (19.00).

O martes, día 18, serán en Arousa (11.30), Pontevedra (13.00), Vigo (17.00), Ferrol (17.00) e Viveiro (19.00).


Sabón, 13 de xuño do 2013

mércores, 5 de xuño de 2013

Informe da última reunión da comisión paritaria


Hoxe pechouse sen acordo a comisión paritaria do procedemento de inaplicación do convenio colectivo despois da segunda reunión da mesma.
Co ánimo de desbloquear a situación ante a intrasixencia da empresa, o Comité, cos datos dos que dispón, estudará e elaborará a próxima semana unha proposta de mantemento de emprego, nos termos xa fixados. Esta garantía de emprego formará parte indivisible e completarase cunha oferta económica que defenda os salarios da plantilla.

A empresa mantivo inamovible a súa proposta sobre o emprego, que non ofrece as garantías inequívocas, directas e sen ambigüidades para a continuidade dos mesmos traballadores que prestan a día de hoxe servizos en La Voz de Galicia, tal e como se acordou na asemblea. Tampouco modificou a súa última oferta sobre a Proposta do 66% que presentou durante o período de consultas, rematado día 23, e que só supón unha rebaixa de 90.000 euros sobre os 4,1 millóns que prevía aforrar a empresa na primeira redacción da súa proposta.

O documento que formalizará o Comité farase chegar a empresa en canto sexa posible e se discutirá nunha reunión entre as partes prevista, en principio, para o próximo xoves, antes de recurrir aos mecanismos de conciliación.

Sabón, a 5 de xuño do 2013

Nova reunión da comisión paritaria

O Comité Intercentros estivo onte reunido, maña e tarde, para analizar o estado do procedemento de inaplicación do convenio que presentou a dirección da empresa o pasado 8 de maio. Hoxe celébrase a segunda reunión da comisión paritaria coa empresa, as once e media da maña, na sexta xornada de loito da plantilla contra a Proposta do 66%.
Dende a parte social deféndese, tras importantes e significativas perdas de compañeiros nos últimos anos e de tamén de recortes salariais, que é preciso que a empresa se sume a defensa do mantemento do emprego para manter a viabilidade dun modelo de negocio dun xornal con máis de 130 anos de traxectoria.
En todas as reunións feitas ata o momento, o Comité cuestionou a proporcionalidade da medida que propón a dirección de La Voz de Galicia e rebatiu con datos, aínda que a empresa non aportara toda a documentación que se lle solicitou, que o recorte da plantilla sexa a única alternativa para a afrontar a crise que vive o sector.



martes, 4 de xuño de 2013

Sexta xornada de loito


Mañá mércores celebrarase a segunda (é última) reunión da comisión paritaria entre a representación dos traballadores e a dirección da empresa. O Comité Intercentros chama a plantilla a unha nova xornada de loito en defensa do convenio colectivo e de todos os postos de traballo.

Acudide a traballar con roupa negra, como xa fixestes nas anteriores reunións do período de consultas e da paritaria. Seguiremos reclamando da empresa unha aposta firme e sincera polo mantemento de emprego nos próximos anos que garanta a continuidade o modelo de negocio.
  
A segunda reunión da paritaria está prevista para ás 11.30 horas en Sabón.
 

Sabón, a 4 de xuño do 2013