xoves, 4 de xullo de 2013

Manifestación o domingo na Coruña

Este domingo, 7 de xullo, dende as 12.00 horas na Coruña, as traballadoras e traballadores de La Voz de Galicia manifestarémonos en defensa dos nosos dereitos laborais e do emprego. Baixo o lema Por un xornalismo digno, o Comité Intercentros de os delegados de personal de todos os sindicatos representados (CIG, CC.OO., UXT e SXG) convocan a toda a plantilla de La Voz a saír a rúa para volver a insistir en que a dirección da empresa retire o procedemento de inaplicación do actual convenio e se aveña a negociar unha solución pactada ás dificultades polas que atravesa a empresa, e das que todos somos conscientes.



A plantilla aposta pola defensa do emprego e dos salarios, como sostén dun xornalismo digno. Onte mesmo, o Comité remitiu a empresa unha nova proposta de negociación para achegar posturas e que non se rebaixen outra vez os salarios sen ofrecer unha garantía de emprego inequívoca cara ao futuro. O Comité agradece o apoio aos paros de 15 minutos que se levaron a cabo tamén onte en todos os centros de traballo de La Voz de Galicia. 

A manifestación do domingo arrancará do Obelisco ás 12.00 horas e discorrerá polas rúas Real e Riego del Agua para rematar na praza de María Pita. 

É unha convocatoria aberta, para os traballadores de La Voz, familiares e extraballadores, e tamén para traballadores do resto das empresas do Grupo e mesmo doutros medios ou asociacións profesionais que xa teñen expresado o seu apoio a loita que mantemos en La Voz pola dignidade das condicións de traballo na prensa.

Sabón, a 4 de xullo do 2013

Ningún comentario:

Publicar un comentario