A CIG manifesta o seu apoio ao persoal de La Voz de Galicia na súa defensa do emprego e dunhas condicións laborais dignas
A empresa pretende, amparándose na reforma laboral, recortar os seus salarios e, malia iso, non garante o mantemento de todos os postos de traballo
A CIG quere amosar o seu total respaldo á loita que as traballadoras e traballadores de La Voz de Galicia están a levar a cabo na defensa das súas condicións laborais e o mantemento do emprego. A pretensión da dirección da empresa de inaplicar o convenio colectivo en vigor constitúe un exemplo de como as políticas neoliberais e a reforma laboral do PP serven para acabar cos dereitos dos traballadores e abaratar o mercado de traballo mesmo en aquelas empresas que dan beneficios, como foi o caso de La Voz de Galicia no ano 2012.
A CIG manifesta o seu apoio ao Comité da Voz de Galicia na súa defensa do convenio en vigor, xa que é froito da negociación colectiva como dereito fundamental, e non dunha imposición empresarial, que é o que a dirección da Voz trata de facer agora.
A central sindical non comparte as demagóxicas críticas que se están a verter contra as traballadoras e traballadores de La Voz de Galicia tratándoos de “privilexiados” e responsabilizándoos dunha personalista, conservadora e nada plural liña editorial.
En canto ao primeiro, ter unhas condicións de traballo dignas é un dereito, non un privilexio, e a CIG sempre o defendeu así.
En canto ao segundo, culpar aos traballadoras e traballadores da Voz da liña editorial do xornal é tanto como culpar aos funcionarios das políticas do Goberno. A cada un a súa responsabilidade, e un xornal, como calquera empresa, ten directivos e operarios. A CIG está e estará sempre cos operarios como sindicato de clase que é.
Ningún comentario:
Publicar un comentario