venres, 31 de maio de 2013

Discútese a garantía de emprego, non a Proposta do 66% que xa se rexeitou

Permitídenos hoxe (as horas as que veñen rematando as reunións coa empresa non posibilitan facer todas as precisións pertinentes ao optar por tervos informados con puntualidade) unhas aclaracións sobre o escenario actual das negociacións coa empresa:

A empresa presentou a Proposta do 66% ao inicio do período de consultas, o 8 de maio. Unha proposta que a representación dos traballadores rexeitou dende o principio, tendo demostrado que non se deran as causas económicas que sosteñen un procedemento de inaplicación das condicións salariais do convenio en vigor.
Enlaces ao informe da primeira reunión coa empresa e a valoración da Proposta do 66% nas asambleas do 10 e do 11 de maio:
http://comitelavozdegalicia.blogspot.com.es/2013/05/informe-sobre-primeira-reunion-coa.html
http://comitelavozdegalicia.blogspot.com.es/2013/05/informe-sobre-as-asembleas.html

Na cuarta reunión propuxo unha mínima variación que non aclarou en canto aos termos de aforro ata a quinta e última reunión ao día seguinte, o 23 de maio.

Pechouse ese día o período de consultas sen acordo das partes. O Comité expuxo que non concurren as causas económicas alegadas pola parte empresarial para un procedemento de inaplicación do convenio ao amparo do artigo 82.3 do Estatuto dos Traballadores, que ademais está recurrido ante o Constitucional.
Co respaldo da plantilla o Comité insistiu na súa disposición a negociar condicións salariais sempre que se dera previamente unha garantía clara de mantemento do emprego actual (dos postos de traballo de todas e todos os traballadores) ata a negociación do próximo convenio colectivo, xa que o actual dispón mecanismos para que a empresa poida aínda executar despedimentos antes do remate da súa vixencia.

O Comité, co respaldo da plantilla, considera que a defensa do emprego é a única vía para garantir o modelo de negocio é, polo tanto, a supervivencia do proxecto empresarial de La Voz de Galicia polo que di apostar a propiedade; e coincide coa dirección da empresa en que a plantilla actual, o modelo de negocio asentado no territorio e o compromiso da propiedade son a día de hoxe as principais fortalezas de La Voz de Galicia.

Estamos a traballar por conseguir da empresa unha aposta firme e sincera polo mantemento de emprego nos próximos anos como pilar fundamental do modelo de negocio. Nesas estamos, sen que a empresa teña presentado de momento nova proposta de rebaixa salarial.
Recordávomos que a comisión paritaria rematará coa segunda e última reunión o próximo mércores.

Sabón, a 31 de maio do 2013

xoves, 30 de maio de 2013

Informe da primeira reunión da comisión paritaria


A empresa segue sen garantir o mantemento do emprego para toda a plantilla na proposta que remitiu onte a representación social dos traballadores para debater na comisión paritaria da inaplicación do convenio. Baixo ningún suposto se dan as garantías inequívocas, directas e sen ambigüidades do mantemento dos traballadores que prestan servizos agora en La Voz de Galicia tal como demanda a plantilla.

O Comité considera que a única vía realmente efectiva para manter o actual modelo de negocio é que todas as traballadoras e traballadores conserven os seus postos de traballo, xa que con menos xente sería imposible facelo.
Pese a isto, a empresa subliñou que esta proposta é a máxima asunción que pode facer e que non a modificará.

O Comité Intercentros considera que esta proposta non satisface as demandas da plantilla, en canto a que:

1)      Insiste na súa interpretación sobre o número de despedimentos que pode facer en virtud da disposición adicional primeira do actual convenio, asunto que xa se analizou noutra comisión paritaria e que está sendo obxecto dunha mediación na Axencia Galega de Arbitraxe, onde o Comité defende que o cupo de baixas xa está cuberto.

2)      Queda vinculada á posibilidade de descolgue no mantenemento do emprego a evolución do negocio cunhas cifras menores que as previsións de caída que a propia empresa presentou nos documentos que achegou ao inicio do período de consultas. É dicir, ofrecen como garantías un escenario de caídas menores que as que eles mesmos prevén.

3)      Límita o periodo de aplicación a vixencia do actual convenio e non ata a entrada en vigor dun novo convenio, como demandan os traballadores.

A comisión paritaria volverá a reunirse o mércores, 5 de xuño, as 11.30 horas. O Comité e a empresa acordaron que con anterioridade despexarán dúbidas sobre algunhas partes da proposta que hoxe se debatiu.

Sabón, a 30 de maio do 2013


mércores, 29 de maio de 2013

Quinta xornada de loito

Mañá xoves, coincidindo coa primeira reunión da comisión paritaria entre a representación legal dos traballadores e a dirección da empresa, o Comité Intercentros chama a plantilla a unha nova xornada de loito. Acudide a traballar con roupa negra, como xa se fixo nos días das reunións do período de consultas. Temos que seguir defendendo os nosos dereitos laborais e mostrarlle a empresa unha vontade firme de manter o emprego como condición previa a calquera avance cara un acordo no procedemento que abriu o pasado 8 de maio para a inaplicación do convenio colectivo en vigor.


A primeira reunión da paritaria está prevista para ás 16 horas en Sabón. Pola mañá, o Comité Intecentros ten convocada unha reunión previa para analizar o novo escenario da negociación, a espera de que a empresa presente unha nova proposta que quedara en facernos chegar entre o luns e onte e da que nada se soupo. 

Sabón, a 29 de maio do 2013

domingo, 26 de maio de 2013

Defensa do emprego

Un apoio contundente e rotundo a que toda negociación futura coa dirección da empresa pasa polo mantemento íntegro da plantilla de La Voz de Galicia foi a resolución a que se chegou na asemblea celebrada en Compostela. A plantilla defende que a empresa debe garantizar todos os postos de traballo actuais como paso previo a calquera tipo de avance no proceso de inaplicación do convenio colectivo en vigor, que abriu o pasado 8 de maio. Dos 92 traballadores que acudiron a asemblea, 86 respaldaron que se esixa o mantemento do 100% dos traballadores ate que se asine outro convenio colectivo e 6 abstivéronse. Na anterior proposta de recortes que fixo a empresa este ano propoñía máis despedimentos, ademáis de pretender eliminar dúas pagas, e durante a negociación da Proposta do 66% a directiva rexeitou pechar a porta aos despedimentos baseados na disposición adicional primeira do convenio que se discute na AGA.
Máis nós non queremos despedir a ningún compañeiro máis!

A última reunión do período de consultas aberto pola empresa para recortar aínda máis as menguantes retribucións da plantilla foi pechada sen acordo e o Comité, na reunión da comisión paritaria que se celebrará este xoves, comunicará á dirección o sentir dos traballadores, que rexeitan que volva a trasladarlles a eles todos os sacrificios.

Gracias a todos os que puidestes asistir a asemblea, a unión de todos é importante para poder plantar cara a uns directivos que non deron mostras de ter aprendido de xestión máis alá de recortes salariais e incumprimentos.

Reiteramos que, pese a opacidade coa que a dirección presenta as contas do grupo para dificultar analizalas polo miúdo, a realidade contable da empresa non xustifica unha medida como a Proposta do 66%.



Vémonos en Compostela!



Hoxe a cita é en Compostela. O Comité agradece, de antemán, o esforzo de todos os compañeiros que nos acompañen na asemblea na que se falará das vías que se abren tralo peche, sen acordo, do período de consultas para a inaplicación do convenio que pretende a dirección da empresa. Hoxe apostamos por unha comunicación directa e manteremos silenciadas as nosas redes sociais durante o encontro.